A NOVA CARTEIRA DE SERVIZOS AMPLIARÁ O MODELO DE ATENCIÓN DA DEPENDENCIA E OFERTARÁ, POR PRIMEIRA VEZ, RECURSOS ESPECÍFICOS PARA CADA TIPO DE DISCAPACIDADE
§ A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta ferramenta ante as principais entidades prestadoras de servizos sociais
§ Con esta carteira, pasarase a acreditar por separado os distintos servizos (fisioterapia, lavandería...) que se prestan en cada instalación, e non os propios centros, como se facía ata o momento
§ Este cambio posibilitará optimizar os recursos dispoñibles, ampliar a oferta, e diversificalos para adecualos ao perfil de cada persoa
§ Ao acreditar servizos, e non centros, posibilítase que poidan acceder a estes recursos non só os usuarios da instalación, senón persoas que viven no contorno, co que se incrementa o número de beneficiarios potenciais
§ O novo modelo rompe tamén a barreira de idade, que impedía que as persoas menores de 65 anos e sen discapacidade recibisen determinados servizos
§ Os recursos poderán configurarse nun “menú flexible”, de acordo coas necesidades do usuario, que os poderá combinar segundo as súas características e intensidades
Santiago, 12 de setembro de 2011.- A nova carteira de servizos para a atención á dependencia ampliará o modelo de atención actual con novos recursos, tendo en conta as características distintivas de cada grao de dependencia. Grazas a este novo modelo, Galicia será a primeira comunidade autónoma en desenvolver unha carteira específica de servizos en función de cada tipoloxía concreta de discapacidade.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe esta ferramenta ante as principais entidades prestadoras de servizos sociais, que tamén colaboraron na elaboración deste instrumento. De feito, a carteira partiu dun estudo en profundidade da situación actual da oferta e demanda de servizos, que se realizou a través de máis de 600 enquisas a profesionais deste eido, ás que se sumaron entrevistas con departamentos das áreas sociais e con persoas especializadas dos distintos sectores implicados.
Este novo modelo de atención novidoso “cambiará o paradigma da prestación dos servizos para as persoas con dependencia”. Con esta modificación, pasarase do actual modelo, que acredita os propios centros, a un no que se acreditan os distintos servizos que pode prestar un determinado centro.
Así, por exemplo, nunha residencia ou centro de día, poderase acreditar non só o seu servizo de residencia asistencial; senón que será posible acreditar por separado outros recursos como poderán ser o de lavandería ou de fisioterapia.
Isto suporá, segundo explicou Mato, que se “optimizarán os recursos dispoñibles, haberá unha maior oferta, personalizaranse e adaptaranse ás necesidades e perfil de cada colectivo e haberá unha maior diversificación”.
Acreditación de servizos
Polo tanto, con esta nova carteira, acreditaranse os servizos sempre que cumpran os requisitos marcados para elo. Ata agora, o que se autorizaba era un centro como tal (residencia, centro de día, centro de alzhéimer ou centro de atención á discapacidade, por exemplo), polo que os requisitos de autorización eran menos específicos.
Como exemplo, cabería destacar que co modelo actual unha residencia, a partir dun determinado número de usuarios, ten que ter certos servizos. Así, cando unha instalación supera unha cifra de usuarios, ten que ter determinados servizos (animación sociocultural,...).
Pero agora, como se acredita cada servizo por separado, os requisitos pasan a ser máis definidos e específicos. Deste modo, a partir de agora, establecerase por cada recurso en concreto canto persoal ten que ter ese servizo, con que titulación ou con que frecuencia ten que prestarse (ata agora, os requisitos eran xerais para un centro, non por cada servizo). Ademais de garantir un mínimo de calidade moi elevado, estes requisitos supoñen a posibilidade de homoxeneizar os servizos en todo o territorio, sexan públicos ou privados.
Isto servirá, tamén, que poderán beneficiarse de determinados servizos non só os usuarios dos centros, senón os potenciais demandantes deste recurso en concreto que habiten no contorno. Isto é, unha residencia de asistencia seguirá prestando este servizo pero, se ademais, acredita un servizo de fisioterapia non só atenderá aos seus propios usuarios, senón que tamén poderá atender a outro usuarios externos, sempre que sexan dependentes e teñan unha proposta do seu Programa Individual de Atención (PIA) no que se estableza que precisan este recurso determinado.
Servizos específicos
A carteira de servizos garante a “máxima especificidade da atención a cada colectivo de persoas con dependencia”, adiantou Mato. A oferta articúlase do seguinte xeito: servizos comúns e servizos específicos.
Os comúns son aqueles que se prestan a calquera persoa con dependencia recoñecida, pero sen un diagnóstico específico. Neste abano estarían, entre outros, os seguintes servizos: axuda no fogar, teleasistencia e xeolocalización, atención diúrna (modalidade básica e terapéutica); atención residencial (modalidade básica e terapéutica), e todos os servizos de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal.
Pola súa banda, os servizos específicos son aqueles deseñados para a atención ás persoas con dependencia debido a algunha causa específica: alzhéimer, discapacidade física, parálise cerebral, dano cerebral, discapacidade intelectual, trastorno do espectro autista e enfermidade mental.
Así, na carteira de servizos específicos de, por exemplo, alzhéimer pode haber tamén un servizo de atención residencial (ao igual que existe un na carteira común), pero este servizo de residencia estará adaptado –en intensidade, persoal e en medios- a este diagnóstico. Deste xeito, os servizos de cada carteira terán un deseño específico adaptado a cada tipo de discapacidade.
Grazas a isto, o colectivo de persoas con discapacidade terá por primeira vez recoñecida unha serie de servizos específicos. Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma en desenvolver unha carteira específica de servizos en función da tipoloxía concreta de cada discapacidade física, psíquica ou sensorial.
Barreira da idade
Outro aspecto relevante da carteira é que con este novo modelo supéranse “certos obstáculos administrativos”. Destaca, especialmente, que se rompe a barreira da idade. Ata agora, esta barreira impedía ás persoas menores de 65 anos –ou 60 nalgúns casos- e sen ningún tipo de discapacidade acceder a servizos que precisasen. Por exemplo, un menor de 60 anos cunha enfermidade dexenerativa como o alzhéimer podía quedar fóra do sistema.
Pola contra, agora os usuarios poderán acceder a un “menú de servizos flexible, unha especie de traxe a medida onde se poderán combinar os diferentes recursos existentes para a atención á dependencia dos usuarios”.
En definitiva, a carteira de servizos suporá un “salto cualitativo moi importante”, que garantirá, especialmente, a personalización e calidade da atención, resumiu Mato.
Marco legal
Actualmente, a Consellería xa está traballando no decreto que desenvolverá esta carteira de servizos, e que estará listo no primeiro trimestre de 2012, adiantou a titular do departamento autonómico. Tamén está xa en elaboración a orde na que se plasmarán os requisitos de acreditación, e que estará lista tamén para esa mesma data.
Mato considerou tamén que a carteira de servizos complementarase “á perfección” co mapa de infraestruturas sociais de Galicia, que está en desenvolvemento. Este mapa permitirá xeolocalizar as necesidades sociais, así como os ratios de cobertura, nos distintos puntos de Galicia. Isto permitirá coñecer a situación actual e tamén facer proxeccións futuras.
Polo tanto, estes dous instrumentos “abrirán as portas a un modelo absolutamente eficaz e flexible de resposta ás necesidades sociais, segundo criterios xeográficos, socioeconómicos e demográficos tanto actuais como futuros”, concluíu a conselleira.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR