A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen
Basadre, deu a coñecer esta mañá as bases para o alugueiro das vivendas
adaptadas para persoas con discapacidade da Casa Domótica, que constuiu o
Concello de Lugo.
As bases foron elaboradas conxuntamente con asociacións de persoas con
discapacidade, e posteriormente aprobadas pola Xunta de Goberno Local. A
Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, sinalou que en total
son catro as vivendas adaptadas que o Concello, a través de servizos sociais,
pon a disposición de persoas con discapacidade e mobilidade reducida na rúa
Leiras Pulpeiro nº7.
A Concelleira de Benestar Social e Igualade destacou que “dende hai tempo
estamos sensibilizados coas persoas con discapacidade, e dende o Concello se
levan desenvolvendo distintas actividades, tanto en subvencións destinadas a
desenvolver actividades e programas das propias entidades como a mellorar a
accesibilidade e habitabilidade en vivendas de persoas dependentes. Tamén hai
axudas económicas a persoas con discapacidade física e afectadas de graves
dificultades de mobilidade reducida para gastos de transporte adaptado. Ademais,
tamén temos a nave Clara Campoamor, adicada ás asociacións sociais e
preferentemente a aquelas que teñen persoas con discapacidade ou enfermos de
alzheimer. Un compromiso coas persoas con discapacidade que agora se completa
con estas vivendas domóticas”.
A Casa Domótica é, segundo sinalou a Concelleira, un proxecto piloto na nosa
cidade, có que se pretende fomentar a vida independente e a autonomía persoal
das persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
As vivendas destinadas para o alugueiro son a segunda, terceira, cuarta e quinta
planta. Cada unha delas conta cunha praza de garaxe adaptada, e teñen unha
superficie de 88,70 metros. Todas as vivendas contan cun cuarto principal, un
lavadoiro-tendedeiro, un cuarto, cuarto de baño, corredor, cociña, salón-comedor
e unha terraza-balcón. O primeiro andar e o baixo quedarán para uso social do
Concello de Lugo.
O prazo de solicitude é de 15 naturais dende o día seguinte na publicación no
BOP, tamén poderán consultarse no perfil do contratante na páxina web do
Concello www.lugo.es.
Segundo explicou Carmen Basadre, o prezo do aluguer hai que calculalo segundo
establece a lexislación, que é o 6% do valor total de cada vivenda. O prezo
estimado para cada unha das vivendas é de 159.076,65 euros. En función dos
ingresos ponderados anuais totais da unidade familiar, obtense a renda mensual a
pagar segundo corresponda as seguintes porcentaxes:
Entre o 0.6 e 1 vez IPREM ------------------- 100% -------------159,08 euros
Entre o 1 e o 1,5 veces o IPREM ----------- 110% -------------174,98 euros
Entre o 1,5 e o 2,5 veces o IPREM ---------- 120% -------------190,90 euros
Así, os prezos oscilarían entre os 159 euros e 190 euros. Actualmente o IPREM
(Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) é de 532,51 euros mensuais.
Os requisitos para poder acceder a unha destas vivendas adaptadas é ser maior de
idade e menor de 60 anos, ter plena capacidade de obrar e ter unha discapacidade
física do 33% ou máis, ser pensionista da seguridade social cunha pensión de
incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, e sempre con mobilidade
reducida. Será necesitarao residir no Concello de Lugo dende hai polo menos dous
anos, e acreditar a necesidade dunha vivenda. O contrato de alugamento terá unha
duración de dous anos a contar dende a súa sinatura. Cando chegue o vencemento o
Concello deberá prorrogar anualmente o contrato ata que acade os cinco anos.
Os baremos que se terán en conta para a adxudicación estarán baseados nas
circunstancias persoais e familiares, situación económica, grao de discapacidade
así como as condicións de habitabilidade da vivenda na que residan os
solicitantes.
Fonte: Paxina web Concello de Lugo